Friday 17 de May de 2024

Servizo gratuíto para a solución de problemas derivados da implantación tecnolóxica 4G


Ponse a disposición da veciñanza un teléfono e unha páxina web para notificar incidencias na recepción da TDT ou na correcta prestación de servizos relaciondados coas conexións telefónicas e de Internet

Dende o Concello de Ordes ponse en coñecemento da cidadanía a posta en marcha do servizo gratuíto para solucionar os problemas derivados da implantación da tecnoloxía 4G. Para isto habilitouse un teléfono de atención e unha páxina web á cal se pode recorrer para solicitar o restablecemento do servizo TDT con total normalidade e resolver calquera incidencia. O dito número é o 900 833 999, e a páxina web www.llega800.es.
Os servizos móbiles de nova xeración LTE dos principais operadores móbiles (Telefónica, Vodafone e Orange) xa se atopan dispoñibles no municipio de Ordes. A dita tecnoloxía préstase sobre a banda de frecuencias de 800 Mhz, anteriormente utilizada pola Televisión Dixital Terrestre (TDT), ofrecendo mellor cobertura e velocidade de conexión, mellorando notablemente servizos como a televisión baixo demanda, descargas de música, así como decenas de novas prestacións e produtos que verán a luz nos próximos anos grazas ás velocidades de ata 150Mbps.

A prestación dos servizos móbiles nesta banda pode ocasionar a aparición de determinadas afectacións na recepción do sinal de Televisión Dixital Terrestre (TDT) polo que o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, a través da Orde IET/329/2015, de 26 de febreiro de 2015, estableceu o procedemento de actuación para solucionar problemas e garantir que as molestias sexan mínimas e a súa solución non teña custo económico. Para solucionar as ditas afectacións os operadores móbiles confiaron na entidade xestora Llega800.
O seu plan de actuación leva implícita a comunicación previa das vivendas que potencialmente poden verse máis afectadas, a cal se levará a cabo de forma individualizada mediante envíos á caixa de correo previamente ao acendido. Ademais, sobre as zonas de cobertura das estacións base atenderase calquera solicitude coa máxima celeridade. Unha vez recibida a notificación un técnico cualificado desprazarase ao inmoble afectado e realizará os labores de acondicionamento necesarios sen custo ningún para a persoa usuaria.